Sunday 28 de April de 2024

Deporte e microplásticos centraron a novena edición das Xornadas Muller e Ciencia na Pobra


A Pobra do Caramiñal volveu poñe-lo foco no papel das mulleres no ámbito científico coa novena convocatoria das Xornadas Muller e Ciencia na tarde do 2 de marzo. Este ciclo supuxo a apertura da axenda impulsada pola Concellaría da Igualdade con ocasión do Día Internacional da Muller.

Estas xornadas naceron en 2015 co afán de “valorizar, visibilizar e fortalece–la figura da muller no eido da ciencia; un campo aínda, hoxe en día, moi masculinizado”, apuntou a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, antes de introduci-las relatoras deste ano. Tamén tivo palabras de recoñecemento para Lola Ferreiro, médica falecida a finais de 2023, quen participou como conferenciante na pasada edición analizando as violencias exercidas polas institucións por acción ou omisión sobre a saúde das mulleres.

Cristina López Villar, licenciada en Educación Física e doutora en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, determinou cales son os factores que inflúen no descenso da actividade física nas mulleres, máis destacada ca nos homes, como o menor apoio social, a falta de oportunidades ou a menor percepción de competencia, en O que non che contaron sobre a actividade física das mulleres. Tamén desmentiu algúns discursos instaurados na sociedade sobre como afecta a práctica deportiva o físico das mulleres, sempre creando unha alarma sobre a alteración do canon de beleza hexemónico.

Da problemática medioambiental actual á cal nos enfrontamos disertou Gloria María Pena Uris, doutora en Química e profesora titular da Universidade de Vigo, na área da Ciencia dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica, con Microplásticos: un problema que debemos coñecer e abordar, quen explicou as causas de que os pellets cheguen ao mar. De feito, apuntou que é habitual a súa presenza na costa de zonas moi industrializadas por se produciren perdas crónicas destes granulados. Métodos de transporte ou medidas preventivas foron algúns dos parámetros que se analizaron. Segundo manifestou, os pellets son só a punta do iceberg: os estudos cifran entre 75 e 270 millóns as toneladas de residuos plásticos no mar (UNEP) e estímase que cada ano se engaden entre 4’8 a 13 millóns de toneladas, se ben a contaminación na terra é superior.

O vídeo completo permanece na canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.